CRTVG

Buscar

Desmantelan un macrocultivo de marihuana en Almería e deteñen 20 persoas

Publicado o 29/08/2019 12:22

A Garda Civil desmantelou no Ejido (Almería) un cultivo de 15.800 plantas de marihuana que usaba 120 enganches ilegais á rede eléctrica nunha operación contra o tráfico de droga en que foron detidas 20 persoas.

Segundo informou este xoves a Garda Civil, para fornecer de electricidade á plantación, situada na barriada do Pozo da Tía Manolica, instalouse unha rede fraudulenta de 160 metros que se atopaba oculta con cemento e arquetas seladas con silicona.

Nos 30 rexistros levados a cabo durante a operación Pozo Green -en 20 vivendas e 10 invernadoiros- a Garda Civil comisou ademais 60 quilos de cogollos de marihuana, tres escopetas, tres pistolas con munición, 59.000 euros en efectivo e tres vehículos.

A maioría das plantas de marihuana atopábanse cubertas con plásticos nunha falsa segunda planta das vivendas rexistradas, á que só se podía acceder cunha escaleira de man. O gran número de enganches á rede e o elevado número de inspeccións simultáneas fixo que o dispositivo, en que participaron 150 gardas civís e 30 técnicos de Endesa, se alongase durante doce horas.

Os detidos, que foron acusados de delitos contra a saúde pública e defraudación de fluído eléctrico, pasaron ao dispor do xulgado en funcións de garda do Ejido.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/08/2019