CRTVG

Buscar

Desmantelan un grupo criminal itinerante especializado en abrir caixas fortes

Publicado o 03/07/2021 12:30

Unha operación conxunta da Policía Nacional e dos Mossos d'Esquadra desmantelou un grupo criminal itinerante especializado en roubos con forza en oficinas, despachos e inmobiliarias. Os axentes detiveron cinco persoas e realizáronse tres rexistros domiciliarios nas localidades madrileñas de Parla, Torrejón de Ardoz e Torrejón de Velasco.

Nun dos rexistros localizaron o instrumental e ferramentas para executar os roubos, unha plantación de marihuana con 231 plantas e 65 quilos desta substancia. A investigación comezou despois do roubo con forza a dúas inmobiliarias barcelonesas co mesmo modus operandi, xa que abriron as caixas fortes cun soprete de oxicorte. As indagacións permitiron identificar parte dos detidos nun grupo criminal con base en Madrid. Estaban especializados en forzar pechaduras, realizar buratos nos muros e abrir as caixas fortes con instrumental de oxicorte.

A policía incautouse na operación de cartos en efectivo, equipos completos para forzar as caixas e inhibidores de frecuencia.

Noticias web

03/07/2021