CRTVG

Buscar

Comisan medio milleiro de plantas de marihuana en Baiona e Sanxenxo

Publicado o 22/05/2019 20:38

Están a ser días moi intensos na loita contra o cultivo ilegal de marihuana no sur de Galicia. Se o martes detiñan un matrimonio en Cambados que agochaba medio milleiro de plantas nunha vivenda, este mércoes foron desmanteladas dúas plantacións en Baiona e Sanxenxo. A Policía Nacional e a Garda Civil incautáronse de máis de medio milleiro de plantas e diverso material para o procesamento e a distribución da marihuana.

A Garda Civil entraba nunha vivenda da parroquia de Belesar, en Baiona, onde atoparon unha ducia de plantas de marihuana, uns 40 aparellos eléctricos para o cultivo e o crecemento das plantas e unha decena de teléfonos móbiles. Unha operación en que foron arrestados dous irmáns de 32 e 33 anos veciños de Baiona, por delitos contra a saúde pública e defraudación de fluído eléctrico. Os investigadores descubriron que a subministración eléctrica que abastecía o inmoble fora manipulada e a toma de electricidade derivouse á da iluminación pública para evitar sospeitas polos elevados consumos. 

Similar operativo levou a cabo a Policía Nacional nun chalé nas aforas de Sanxenxo, onde interviñeron máis de dez quilos de marihuana, un total de 500 plantas de diferentes tamaños e todo tipo de utensilios para o cultivo. Na operación foron detidos o responsable da plantación e dous colaboradores, e foi froito de investigacións previas a persoas dedicadas ao marisqueo furtivo na ría de Pontevedra.  Tamén está acusado de defraudación do fluído eléctrico por unha instalación ilegal conectada á rede xeral cun consumo de varios miles de euros ao mes. 

Dúas operacións que seguen a levada a cabo en Cambados, que rematou coa detención dunha parella que tiña na súa casa de Ribadumia dous quilos de marihuana envasada e catrocentas plantas en diversas fases de crecemento.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019