CRTVG

Buscar

Milleiros de venezolanos, desesperados, achéganse á fronteira con Colombia

Publicado o 22/02/2019 14:27

A imaxe da tensión e da desesperación de milleiros de venezolanos que marchan cara á fronteira con Colombia para o repartimento da axuda humanitaria prevista para mañá. O exército empregouse con forza para impedirlles o paso. Incidentes en que tamén se viu envolta a caravana que acompañou a Juan Guaidó ata Cúcuma.

Por orde directa de Maduro, mantense pechada a fronteira co Brasil e valora ademais pechar a de Colombia. O país pode quedar illado, coa incerteza do que poida ocorrer nas próximas horas. 

Comezan os incidentes nas fronteiras con Venezuela. Onte o presidente Nicolás Maduro ordenaba o peche da fronteira co Brasil e estuda facer o mesmo con Colombia. A decisión trata de frear a entrada de axuda humanitaria internacional que promove a oposición e que o chavismo rexeita.

"Queda pechada ata novo aviso a fronteira co Brasil".

Maduro blinda a fronteira co Brasil para evitar a entrada da axuda humanitaria, e non desbota pechar tamén a fronteira con Colombia, por onde Juan Guaidó pretende o sábado introducir as menciñas e os alimentos enviados polos Estados Unidos. Maduro ordenou tamén pechar o espazo aéreo en todo o territorio venezolano para a aviación xeral e privada, sen especificar ata cando. 

Pouco despois desta decisión, o autoproclamado presidente encargado da transición en Venezuela, Juan Guaidó, firmaba un decreto en que autoriza o ingreso da axuda humanitaria ao país e ordénalle á Forza Armada Nacional Bolivariana manter aberta a fronteira co Brasil e as relacións diplomáticas coas illas caribeñas de Aruba, Curacao e Bonaire, despois de que Maduro ordenara o contrario.  
Nalgúns pasos fronteirizos xa se rexistraban nas últimas horas enfrontamentos entre civís e militares. 
 
Todas as miradas estarán postas esta fin de semana nesta zona fronteiriza con Colombia, que vai ser escenario de dous concertos paralelos. Por un lado, o organizado polo Goberno, que anunciou que vai levar axuda aos nenos colombianos e por outro, o organizado pola oposición para comezar a introducir a axuda en Venezuela, se os militares non o impiden. Guaidó viaxa xa en caravana, acompañado de deputados opositores, ata a fronteira con Colombia, onde o sábado vai encabezar esta operación para pasar a axuda ao país, aínda que non revelou como o vai facer. 

Noticias web

22/02/2019