CRTVG

Buscar

Deserto de novo o concurso para cubrir dúas prazas de pediatría en Verín

Publicado o 08/01/2020 11:39
Deserto de novo o concurso para cubrir dúas prazas de pediatría en Verín

O concurso convocado polo Sergas para cubrir dúas prazas de Pediatría no Hospital de Verín quedou deserto de novo ao non presentarse ningún candidato, á espera de coñecer se houbo algunha solicitude noutro rexistro da administración.

O prazo para optar ás dúas prazas ofertadas polo Sergas finalizaba onte á noite, martes, sen que se presentaron polo momento candidatos, co que sería a segunda vez que o concurso queda deserto ao non presentarse tampouco candidatos o pasado mes de xuño.

Fontes da dirección hospitalaria de Ourense apuntaron que "non houbo solicitude" no rexistro do  Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), unha vez concluído o prazo. Con todo, aclararon que hai que esperar dado que hai un prazo administrativo "de dous días" por se houbo algunha solicitude ben "en calquera outro rexistro da administración autonómica" ou por "correo ordinario", que estarían dentro do prazo.

Isto supoñería un novo pau para unha posible reapertura da sala de partos de Verín, como demandan os facultativos do hospital comarcal e os veciños.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, condicionara a posibilidade de "reactivar" o servizo de paritorio no Hospital Comarcal de Verín a "se hai pediatras", seguindo a recomendación dos  obstetras e profesionais de Pediatría da área ourensá.

"Os veciños de Verín saben perfectamente que queremos abrir esa sala de partos e que tivemos que suspender a actividade simplemente porque non temos os pediatras para os nenos que nacen en Verín”, sostivo recentemente o titular da Xunta.

De momento, o PSOE ourensán anunciou que defenderá unha moción este venres no pleno municipal para pedir que o Goberno local (DO e PP) se posicione "en contra do desmantelamento dos servizos sanitarios" en hospitais e centros de saúde do rural galego, recollendo "as queixas" dos profesionais sanitarios e veciños.

No día de hoxe está previsto que representantes do Grupo Común da Esquerda manteñan unha reunión cos traballadores do centro sanitario de Verín para abordar a súa situación, tras máis dun mes de peche nas instalacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí