CRTVG

Buscar

Deseñan en Lugo un software para coñecer os gustos do consumidor

Publicado o 03/12/2020 19:12

Coñecer as características do produto, analizar as súas virtudes e sinalar os seus defectos. É o que fan os técnicos deste laboratorio de Lugo cos alimentos que lles achegan os fabricantes. Trátase de que o resultado final sexa o que convenza o meirande número de consumidores posible. Para iso, dividen as catas entre especialistas e catadores anónimos.

"Deseñamos un estudo que pode ser hedónico, de me gusta ou non me gusta, ou de catadores especializados que determinan os atributos do produto", sinala Andrés Martínez, técnico sensorial de Tastelab.

A empresa desenvolveu un modelo informático que dá resposta inmediata e ofrece todos os datos sobre as reaccións do consumidor. Así, o cliente conta case en tempo real coa análise do seu produto. O software está a ter tanto éxito que o laboratorio xa abriu outra liña de negocio ofertándollo directamente os fabricantes.

"De forma intelixente, xera eses informes automáticos. Está pensado para uso das empresas, para que poidan usalo nos seus procesos de cata internos e garantir que o lanzamento dos produtos sexa exitoso", explica Maruxa Quiroga, CEO de Tastelab.

O servizo serve tanto para grandes multinacionais como para pequenos negocios e pódese aplicar a produtos novos ou os que xa están no mercado. Ademais de para alimentos e bebidas, a técnica pódese aplicar a outros sectores como o farmacéutico ou o da moda. O importante é non lanzarse a vender sen antes coñecer as preferencias do público.

Noticias web

03/12/2020

Máis sobre Lugo