Deseñan en Allariz unha manta feita con leite e cebola
Galicia produce ao ano 3 millóns de toneladas de leite. Nun obradoiro de Allariz atoparon un uso do máis insospeitado para ese leite. Trátase de facer un tecido coa proteína. E non só iso. Tamén utilizan pel de cebola para confeccionar prendas que están a resultar todo un éxito.
Que mellor que un tecido a base de leite para a manta dun bebé. Iso pensaron nun obradoiro de Allariz e puxérono en práctica. Conseguiron fóra de España fío feito con proteína caseica do leite sintetizado, mesturárono con la meiriña e engadíronlle tinguidura elaborada con pel de cebola. O resultado é unha peza sustentable ao cen por cento e que cumpre cos requisitos da chamada economía circular. E, ademais, na súa fabricación non se emprega electricidade nin combustibles. O primeiro que pensei foi que sería ideal para bebés polo tacto da fibra e polo aroma a leite", comenta a artesá Inés Rodríguez.
Polos materiais empregados, as mantas e outras pezas elaboradas con este tecido son biodegradables. É dicir, ao cabo de seis meses desfanse e convértense en materia orgánica. Inés xa está a establecer contactos para que se aproveiten os refugallos e excedentes leiteiros en explotacións e industrias co obxectivo de que se elabore en Galicia o fío a base de proteína do leite. Sería un recurso económico e unha acción a prol da ecoloxía.
"Da caseína que se sintetiza do leite non apto para consumo humano faise o tecido e mestúrase con outros fíos tamén sustentables", explica Rodríguez.
Se se están facendo a pregunta, a resposta é non. As mantas non son comestibles porque os tecidos non son aptos para consumo humano.