CRTVG

Buscar

O fondo proposto pola UE tenta salvar a caída do emprego

Publicado o 02/04/2020 08:32

A Comisión Europea (CE) propuxo este xoves crear un fondo europeo dotado con 100.000 millóns de euros que concederá préstamos aos países máis afectados polo COVID-19, como España e Italia, para axudarlles a custear medidas destinadas a evitar os despedimentos pola pandemia. A iniciativa, bautizada como SURE, terá que ser aprobada polos países da Unión Europea (UE), que a debaterán na reunión do Eurogrupo do próximo 7 de abril, onde se espera que adopten máis medidas ante unha crise que obrigou a paralizar gran parte da actividade económica e ameaza con disparar os niveis de paro, como revelan xa os indicadores de marzo.

Bruxelas expón en concreto que os países utilicen o financiamento comunitario para sufragar os seus sistemas de emprego temporal, polos que as empresas manteñen contratados aos traballadores aínda que caia ou cese a súa actividade e o Estado intervén con axudas públicas para pagar os salarios. En España trataríase esencialmente dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), aínda que a CE apunta a que poderían tamén financiarse medidas de apoio aos autónomos.

O obxectivo é minimizar os despedimentos para que a economía poida botar a rodar canto antes, unha vez termine a emerxencia sanitaria. "O confinamento paralizou a oferta e a demanda. Moitas empresas quedaron sen ingresos e se non facemos nada terán que despedir os seus traballadores. Como consecuencia, cando o motor da economía mundial se encenda, non terán a forza laboral que necesitan, perderemos mercados e isto limitará a nosa recuperación", explicou a presidenta da CE, Ursula von der Leyen, nunha conferencia de prensa.

Para conseguir estes 100.000 millóns de euros en financiamento, a Comisión Europea emitirá débeda no mercado apoiada polos avais que deberían achegar todos os Estados membros, en función da súa renda nacional bruta, o que supón que os máis ricos deberían contribuír máis. Para que poida botar a andar, con todo, necesítase un mínimo de 25.000 millóns de euros en avais (25 % do total) e que os Vintesete contribúan. Von der Leyen asegurou que todos os países cos que debateu a proposta mostráronse de acordo coa mesma.

A proposta non prevé unha asignación para cada un dos Estados da UE, senón que cada país deberá solicitar un préstamo se o necesita. Con todo, fixa como límite que os tres países que máis fondos reciban non poderán copar máis de 60.000 millóns entre os tres. A Comisión avaliará a proposta, en concreto, que parte do aumento do gasto público rexistrado a partir do 1 de febreiro deste ano está ligada á creación destes esquemas de traballo temporal, e determinará a contía, prazos de vencemento, tipos de interese ou número de desembolsos do crédito.

Os vencementos serían longos, ao redor de dez anos como mínimo, e os tipos de interese os que pague a Comisión no mercado, explicaron expertos do Executivo comunitario, que calculan que uns 15 países poderían estar interesados. Ao contrario que coas axudas do fondo de rescate, estes préstamos non terían condicións macroeconómicas ou en termos de reformas estruturais. O fondo sería temporal, limitado a paliar a crise do coronavirus, aínda que a duración non se precisou.

A proposta chega o mesmo día en que en España coñeceuse que o número de parados aumentou en 302.265 persoas en marzo, o primeiro mes con medidas de confinamento, o que supón o maior incremento da súa historia e eleva o total de parados a 3,54 millóns. 

Noticias web

02/04/2020