CRTVG

Buscar

Desembarcan en Vigo os 4.000 quilos de cocaína intervidos

Publicado o 28/04/2020 20:19

Unha patrulleira da armada escoltou o Karar ata a súa entrada no porto de Vigo. O barco, con bandeira de Togo, saíu hai 20 días do porto de Panamá e foi cargar cocaína a Venezuela. Dende alí cruzou o Atlántico ata que o apresaron a 300 millas de Lisboa. O seu destino final era Galicia.
A bordo veñen 15 tripulantes, todos de Bangladesh e O Nepal. Agás un galego. E traen con eles o maior alixo de droga incautado no que vai de ano. Valería uns 140 millóns de euros no mercado.

Eloy Quirós, comisario xeral da Policía Xudicial: "Estamos falando de 4.500 kgs de cocaína. Hai 28 detidos entre os tripulantes e os de terra e falamos tamén da importancia da organización, dos lancheiros en Galicia".

A tripulación declarou xa por videoconferencia durante a travesía. A xuíza decretou para eles prisión sen fianza. Mentres tanto, en terra arrestaron outras 13 persoas. Houbo 21 rexistros no Grove, A Illa, Cambados e Sanxenxo. Neles os axentes incautáronse de 5 lanchas rápidas, vehículos e documentación.

Jaime Gayá. xefe rexional de Aduanas de Galicia: "De momento xa temos contas bloqueadas e propiedades inmobiliarias anotadas no rexistro para que non haxa cambios de titularidade e agora comeza tamén a fase da investigación patrimonial do grupo".

A operación dirixiuna o xulgado número 3 de Vigo e a Fiscalía Antidroga de Pontevedra. Contou coa colaboración da DEA e dos servizos antidroga británicos e colombianos. Con este apresamento dáse por desartellada a maior rede de transportistas de droga de Galicia. Pero a operación continúa aberta e non se descartan máis arrestos.
 

Noticias web

28/04/2020