CRTVG

Buscar

Desde este luns non se celebran misas na catedral de Santiago por mor das obras

Publicado o 12/02/2019 21:25

Dende este luns e durante aproximadamente un ano non se poderán celebrar misas na catedral de Santiago polas obras de rehabilitación, unha situación inédita na historia recente.

Durante un ano, o botafumeiro deixará de sobrevoar as naves da catedral. Os andamios, as rebarbadoras e a trasfega dos obreiros impedirán tamén que se celebren actos litúrxicos no altar principal e na práctica totalidade das capelas. Só a da Corticela, que ten parroquia propia, manterá, polo momento, a misa de once. Os fregueses tómano con resignación e outros aínda se resisten a crelo.

O prazo de execución das obras é de doce meses, en que se van facer labores de restauración nas tres naves e nalgunha capela.

A partir do luns, a misa do peregrino trasládase a San Francisco pola súa proximidade ao Obradoiro, e os eventos especiais, como a festividade de Santiago ou a cerimonia da Translación dos restos do Apóstolo, serán en San Martiño Pinario. A igrexa parroquial da rúa Nova acollerá o resto das misas.

Non haberá misas, pero a catedral non pecha. Visitantes e peregrinos poderán acceder polas Praterías e visitar os espazos que non estean acoutados polas obras. Tamén poderán visitar a cripta e abrazar o Apóstolo.

Noticias web

12/02/2019