CRTVG

Buscar

Reiníciase a renovación do DNI nas zonas que estean na fase 2

Publicado o 26/05/2020 19:24

A partir de mañá, 27 de maio, a Policía Nacional reiniciará de forma gradual e progresiva nos territorios que se atopen en fase 2 da desescalada o servizo de cita previa para a obtención ou renovación do DNI e o pasaporte a través da súa páxina web www.citapreviadnie.es.

Segundo anunciou a Dirección Xeral da Policía este martes, a medida que o resto de zonas vaian pasando á fase 2 da desescalada, iranse incorporando ao sistema de cita previa para que os cidadáns poidan obter ou renovar os seus documentos de identidade.

A Policía lembra aos cidadáns que deben acudir á súa cita puntualmente, provistos de máscara, co importe exacto en metálico da taxa (12 euros DNI e 30 o pasaporte) e de forma individual, salvo para expedicións a menores ou persoas que necesiten acompañamento. 

Ademais, lembra que a validez de todos o DNI que caducaran desde a entrada en vigor do estado de alarma, o sábado 14 de marzo, prorrogarase durante un ano, ata o 13 de marzo de 2021.