CRTVG

Buscar

A fervenza do río Toxa é unha das paraxes que se pode descubrir estes días en Galicia

Publicado o 16/08/2019 16:52

A vexetación, a rocha e a auga fúndense neste recuncho da parroquia de Pazos, en Silleda para conseguir unha obra mestra da natureza. O río Toxa, vencido pola mole de granito, non é quen de encaixarse e salta a pedra deixando como regalo unha das máis fermosas fervenzas de Galicia. Son sesenta metros de caída que, ao precipitarse, van deixando gotas de auga que como unha fina néboa, envolven de misterio este fermoso lugar. Unha caída que xera varias pozas de auga doce nas que o visitante se pode bañar. O musgo cubre as rochas e o entorno, con carballos e castiñeiros, completan unha imaxe que queda grabada na retina do visitante. Precisamente os arredores da fervenza, cunha flora de especies autóctonas única, sirve de botica para os monxes do mosteiro de Carboeiro.

Noticias web

16/08/2019