CRTVG

Buscar

Descuberto un fresco oculto durante séculos na igrexa de Rodís, en Cerceda

Publicado o 24/06/2020 14:31

A igrexa de Rodís, no concello de Cerceda, agocha gran riqueza artística polo que nos conta o cura, que está a traballar na valorización do patrimonio histórico das súas parroquias.

Un dos seus obxectivos é a restauración integral da igrexa de San Martiño. A preparación desa tarefa propiciou que a arquitecta e o carpinteiro percibiran a existencia dunha pintura relevante.

Manuel Chouciño Pardo, párroco de Rodís, cóntanos que o andamio lle deu a perspectiva para mirar por enriba do retablo da Virxe do Carme e foi así como descubriron as pinturas.

"É unha pintura ao fresco, que é unha técnica complicada e fai ver que quen o fixo controlaba a técnica e ten certa calidade", dinos. "Ten unhas características que nos sitúan na transición entre o románico e o gótico, que podería estar entre o siglo XIII e principios do XIV", engade.

Haberá que facer as análises pertinentes para fixar a data. De momento está claro que é San Sebastían o que representa a pintura que seguirá tapada mentres non cheguen os permisos necesarios para mover o retablo. Antes tapouna outro retablo arrasado nun incendio. A obra pictórica tamén superou encalados e picados nos últimos trescentos anos desta igrexa.

Segundo o cura, "un experto do CSIC en Santiago dixo que na parte inferior leva unha cartela que indica "de Bastián", bastante claro para el. "E nos libros de fábrica que estivemos consultando tres persoas no arquivo diocesano e aí aparece o altar de san Sebastían que non existía, porque leva douscentos anos tapado. Ben, leva máis, porque no século XVII mandan picalo para un retablo novo. Pero como tiñan moito respecto e devoción por san Sebastián non o picaron e entón colocan o retablo barroco e aí queda. Hai 300 anos. Logo co incendio fan un novo retablo neoclásico que colocan tapando a san Sebastián sen picalo outra vez".

O párroco de Rodís conclúe que é evidente que estamos ante un achado importantísimo na historia de arte en Galicia. Pide a colaborarión das administraciónspara levar a cabo a restauración integral do templo. Para iso fan falla 600.000 euros que tamén deixarán visibles outros elementos artísticos orixinais tapados en sucesivas reformas na igrexa.

Noticias web

24/06/2020