CRTVG

Buscar

Desconvocan a folga en Renfe tras o acordo entre a empresa e o sindicato de maquinistas

Publicado o 08/10/2021 08:30

O Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (Semaf) e Renfe anunciaron onte á noite o fin da folga de maquinistas, que a organización sindical iniciou o 30 de setembro e que tiña previsto continuar os días 8, 11 e 12 de outubro, despois de chegar a un acordo.

Segundo o sindicato, Renfe atenderá "as demandas" para "recuperar o servizo público que antes da covid prestaba a compañía aos cidadáns". "O Grupo Renfe aceptou recuperar todos os trens, todos os persoais e a integridade da empresa pública e os seus empregados", sinalou nun comunicado.

Semaf explicou que outro dos acordos é "o compromiso de manter a integridade da empresa e do seu persoal fronte a privatizacións e transferencias". O sindicato insistiu que na actualidade os servizos ferroviarios presentaban "un déficit de 861 trens menos ao día, en comparación cun día similar de 2019". Estas cifras, segundo a organización sindical, supoñían "25.830 trens menos ao mes e 309.960 menos ao ano". "Un servizo que a compañía deteriorara aproveitando a pandemia", criticaron.

O que se manteñen son os paros convocados polo Sindicato Ferroviario, máis minoritario. Hoxe, o luns e o martes. En dúas franxas horarias: de 7 a 9 da mañá e de 6 a 8 da tarde.

Noticias web

08/10/2021