CRTVG

Buscar

Descoñécense as causas do incendio nunha nave onde fabricaban máscaras en Viveiro

Publicado o 01/04/2020 15:57

O lume levou por diante unha iniciativa solidaria onte en Viveiro. Ardeu unha nave que estes días fabricaba máscaras de protección para o coronavirus, coa idea de doalas a xeriátricos e hospitais. Aínda non se coñecen as causas do incendio.

A nave é dunha empresa de rotulación que se reconvertera estes días á fabricación de paneis e dispositivos de seguridade para o coronavirus. O lume comezou a mediodía e, por sorte, non había ninguén traballando no interior.

Despois de controlar o lume, seguiron os traballos para arrefriar a nave e vixiar que non se reactivase. Esta noite houbo que volver actuar para sufocar un rescaldo.

Os bombeiros dan o lume por extinguido, pero aínda teñen que ventilar ben os gases para permitir o acceso á nave. Dende a comisaría da Policía Nacional de Viveiro confirman que están á espera para poder iniciar entón a investigación das causas do lume.

Noticias web

01/04/2020