CRTVG

Buscar

Desconcerto no cerco galego tras a decisión de Portugal de aumentar a cota de sardiña

Publicado o 02/08/2019 20:16

• O país veciño asegura que pescarán 1.800 toneladas a maiores das 7.000 que xa estaban previstas para este ano, dinamitando así o seu acordo con España para xestionar a especie de forma conxunta

Estupor na frota galega do certo ante a decisión de Portugal de aumentar a súa cota de sardiña en 1.800 toneladas este ano. A decisión dinamita o acordo entre ambos países para xestionar a especie de forma conxunta.

Os cerqueiros galegos non poden pescar sardiña. A nosa cota agotouse xa o mes pasado. O acordo con Portugal para xestionar a especie permítíanos capturar este ano 3.000 toneladas. Para os portugueses quedaban outras 7.000.

Pero a ministra portuguesa de pesca acaba de anunciar que aumenta a cota portuguesa en 1.800 toneladas. E deste xeito sáltase o acordo pesqueiro sen aviso previo. En Galicia ninguén entende o que pasa.

Jose Antonio Pérez Presidente da Federación Galega de Confrarías de Pesca: "Colleunos por sorpresa. Estamos pedindo explicacións ao secretario xeral de Pesca porque estamos confusos. Non sabemos se é certo ou non o que se di das 1.800 toneladas que quere pescar Portugal".

España e Portugal teñen dende hai anos un plan conxunto para repartir as cotas de sardiña e garantir que a especie non desapareza. O plan conta co visto bo da Comisión Europea e con el evitouse que as autoridades comunitarias pechasen a pesqueira. Saltarse o plan podería ter consecuencias fatais para ambos países. Os galegos aínda non saben como responder a Portugal.

Jose Antonio Pérez Presidente da Federación Galega de Confrarías de Pesca: "Se eles van pescar 1.800 toneladas nos tamén teríamos que pescar o mesmo ou unha parte proporcional. Entón, de momento, como non sabemos nada, estamos á espera de que nos confirmen o luns como vai ser isto".

Por agora o sector opta pola prudencia e por informarse ben antes de reaccionar.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/08/2019