CRTVG

Buscar

Descobren unha calzada romana en Brandomil

Publicado o 20/08/2021 15:50

A busca dun camiño xa desaparecido, tomando como referencia unha foto aérea de 1956, permitiu o descubrimento dunha calzada romana na parroquia de Brandomil.

O pasado romano desta parroquia de Zas, vencellado ás explotacións mineiras que había na zona, xa era coñecido, pero nesta intervención arqueolóxica están a sacar á luz un dos poucos restos de calzada romana que se puideron atopar na provincia da Coruña. Está asociada a outras estruturas, polo que os arqueólogos pensan que están tan só ante a punta do iceberg.

A intervención centrouse no xa desaparecido camiño que dende Brandomil partía cara ás antigas minas romanas de Limideiro e Padreiro, localizado a partir desta ortofoto do famoso voo norteamericano de 1956. A Fundación Brandomil mercou os terreos, e as catas realizadas permitiron atopar restos dunha calzada romana.

Lino Gorgoso, arqueólogo e director das excavacións de Brandomil, explica que "este é un tipo de construción que se chama glarea, que basicamente é grava, cantos pequenos, trabados con cal e arxila, que forman un pavimento de gran dureza, e que por riba tería outras capas de area, de grava, para que os carros transitaran por eles".

Ademais, na calzada, que podería ser un ramal da XX Per Loca Marítima atoparon numerosos fragmentos de tegulas, as tellas romanas, e mesmo as pegadas dos camiñantes que a transitaron. 

"O que aparece sobre a vía son pequenos craviños de ferro que igual hai xente que ten memoria deles de empregalos en zocos, pero neste caso pensamos que pola súa forma e composición serian das caligae romanas. Ao discorrer polo pavimento, quedaban ás veces cravadas dentro do pavimento", sostén Gorgoso.

Ao carón da vía atoparon tamén restos posiblemente de vivendas e nelas desenterraron unhas vinte pezas de cerámica romana, coñecida como Terra Sigilata, o que lles permitiu datar o asentamento. Así o precisa o director das escavacións: "Estas estruturas habitacionais teñen unha serie de pavimentos de arxila e terra batida e sobre eles quedan restos do que empregaban habitualmente os romanos no seu uso diario e polo tipo de cerámicas que estamos falando pensamos que entre o ano 60 e 90 despois de Cristo estarían en uso estas estruturas".

 

 

 

Noticias web

20/08/2021