CRTVG

Buscar

Descobren un terceiro foxo nas excavacións do Castro de Doade

Publicado o 14/06/2019 14:55

Esta campaña de escavación no castro de Doade acabou e sobre o terreo queda a pegada da terra removida baixo a que está un terceiro foxo de defensa.
Vanesa Trevín. Directora das intervencións arqueolóxicas:
"É un foxo que non está tan coidado na súa construción como os outros dous anteriores, semella que nun momento dado lles fixo falta e foi feito de présa e ignoramos se é contemporáneo ata que teñamos os resultados do carbono 14".

Xa na parte visible hai un novo espazo de elementos infraestruturais e abaixo outros vencellados coa construción da muralla.

"Temos canais de drenaxe e furados de poste e unha especie de andamios para a construción da muralla que tamén nos proporciona datos sobre os niveis construtivos", di Trevín.

As restauradadoras proseguían coa limpeza das dúas pezas máis relevantes achadas este ano; o que semella ser un pendente de bronce e un elemento de ferro, probablemente dalgunha ferramenta ou arma. A súa importancia está en función do que revelen as análises de laboratorio sobre a súa antigüidade. O promotor amósase satisfeito cos resultados e invita a observalos sobre o terreo.

Manuel Blanco Villar,  xerente do museo etnográfico Casa do Patrón:
"Que pasen a ver o castro, que pasen a observar a parte que puido quedar á vista e consolidada do noso traballo. Lembrar que está aberta e sinalizada todo o ano permanentemente e con acceso totalmente gratuíto".
O castro de Doade está vencellado ao museo etnográfico da Casa do Patrón, nunha iniciativa privada en que tamén se encadra a restauración da aldea lalinense de Codesada.

Noticias web

14/06/2019