Descobren un mural do século XVI nunha igrexa de Monforte
Grazas ás obras de restauración do interior da igrexa de San Vicente do Pino, en Monforte, saíron á luz unhas pinturas murais do século XVI. Os frescos estaban ocultos tras o monumental retablo maior, de estilo barroco e de catorce metros de altura. Conteñen un friso con figuras de anxos e mais unha composición pictórica en forma de disco cun cristo salvador.
Malia o gran valor artístico das pinturas, o certo é que non quedarán á vista do público. E é que o Bispado de Lugo descarta retirar o retablo para que se poida ver o mural.
A restauración do interior deste templo foi sufragada polo Ministerio de Cultura, cun investimento de preto de 650.000 euros. Nas obras están a traballar varios grupos de profesionais.
Prevese que os traballos de restauración do interior desta igrexa monfortina rematen o outono vindeiro.