CRTVG

Buscar

Descenden os casos activos de coronavirus e os pacientes hospitalizados en Galicia

Publicado o 12/11/2020 10:07

O número de infeccións activas de coronavirus baixou na última xornada ata as 9.554 persoas en Galicia, 315 menos ca no anterior reconto.

Pola contra, increméntase o número de casos positivos confirmados por PCR, 523 nas últimas 24 horas (oito contaxios máis dos que se rexistraran o día anterior). Pero tamén se realizaron máis probas, un total de 8.128, 671 máis ca onte.

Por áreas sanitarias, a situación dos casos activos é a seguinte:

Vigo: 2.426 casos activos (-37).

A Coruña: 2.426 casos activos (-66).

Pontevedra: 1.250 casos activos (-13).

Santiago: 1.148 casos activos (-38).

Lugo: 1.064 casos activos (-65).

Ourense: 880 casos activos (-49).

Ferrol: 931 casos activos (-47).

Diminúen os ingresados

O número de pacientes hospitalizados tamén se reduciu, lixeiramente en planta, con 516 ingresados (dous menos), e de forma máis notable nas UCI, onde hai cinco pacientes menos, ata un total de 90

A cifra de falecementos continúa crecendo. Un total de 15 persoas faleceron por coronavirus nas últimas 24 horas, co que o número total de vítimas da pandemia en Galicia sitúase en 1.039 persoas.

Mapa de niveis de alerta por concello

Hai novidades no tocante ao mapa semáforo da Xunta. Polo de agora, son 40 municipios os que están en alerta vermella a sete días. Un dos que a abandona é o concello de Ames.