Descende o número de casos en Ourense por primeira vez desde hai un mes
Na área sanitaria de Ourense, a máis afectada pola covid−19 en Galicia, hoxe baixaron os casos activos por primeira vez desde hai un mes e coincidindo co día en que se cumpre unha semana do confinamento perimetral.
Trece casos menos de covid−19 nas últimas 24 horas, o primeiro balance positivo desde hai un mes na área sanitaria de Ourense, que abrangue a provincia no seu conxunto. No caso concreto da cidade, hai 541 positivos, 21 menos ca o día anterior.
"Pois paréceme ben que baixara, que se tomen medidas e que a xente sexa un pouco máis responsable". "Hai que cumprir coas normas que nos mandan e ter confianza e esperanza, que imos saír desta", comentan dúas veciñas.
Dobrégase a curva tras unha semana de confinamento perimetral da cidade e Barbadás, ao que se suman outras restricións como a limitación das relacións sociais aos conviventes.
"Espero que a xente con estas medidas colla cabeza e diga 'pois isto é serio', porque hai xente que non o toma en serio". "Temos que ir todos a unha, a ver se isto mellora porque non só nos, tamén a economía ou os negocios, que están todos cerrados...", din dous veciños.
As medidas contundentes baleiraron terrazas, rúas e parques infantís no intento de frear a expansión da bomba vírica en que se converteu a cidade. "É un rollo, porque cos demais amigos non podemos xogar, só cos da clase, entón é moi difícil", lamenta unha nena.
Estamos pendentes agora da evolución dos próximos días e dos hospitais. Os ingresos aumentaron nas últimas horas. Hai 98 persoas hospitalizadas, 12 nas unidades de coidados intensivos.