CRTVG

Buscar

Baixan as hospitalizacións e o número de pacientes con infección activa por covid

Publicado o 16/10/2021 20:02

Galicia rexistrou un descenso no número de hospitalizacións por covid e de persoas con infección activa que, segundo os últimos datos do Sergas, das seis da tarde deste venres, son 451 (21 menos).

Do total de casos activos, 147 pertencen á área sanitaria da Coruña, 46 á de Lugo, 65 á de Ourense, 28 á de Pontevedra, 80 á de Vigo, 73 á de Santiago e 12 á de Ferrol. Ademais, os contaxios baixan hoxe a 29, con todas as áreas por debaixo dos 10 casos detectados.

No que respecta á ocupación hospitalaria, un total de 27 persoas están ingresadas en planta, 11 menos ca a xornada anterior. A Coruña é a área que máis pacientes ten nestas unidades convencionais, 12; Vigo ten 7, Santiago 4 e no resto só queda un paciente con covid en planta.

Nas unidades de coidados intensivos continúan 7 doentes, 3na Coruña, 2 en Lugo, unha en Pontevedra e outra en Vigo.

O Sergas tampouco notificou falecidos nas últimas vinte e catro horas. Nesta primeira quincena de outubro morreron 8 persoas, tres delas procedentes da residencia Sanitas da Coruña.

Desde o inicio da epidemia en Galicia contaxiáronse 182.714 persoas, das que se recuperaron 179.651 e faleceron 2.646.

Incidencia acumulada

A incidencia acumulada sitúase en 14,92 casos por cada cen mil habitantes a dúas semanas, e en 6,74 casos por cada cen mil habitantes a unha semana, segundo os datos últimos facilitados polo Ministerio de Sanidade.

Por áreas sanitarias, a da Coruña rexistra 147 infeccións, a de Vigo está por baixo do centenar e sitúase en 80, e a de Santiago 73.

Ata o día de onte, en Galicia realizáronse 2.868.359 probas PCR e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.408.546.

Noticias web

16/10/2021