CRTVG

Buscar

Descende en Galicia a presión hospitalaria e os contaxios por coronavirus

Publicado o 21/11/2020 20:35

Galicia rexistrou nas últimas horas un descenso importante no número de persoas hospitalizadas por coronavirus, con 438 pacientes en planta. É a cifra máis baixa de ingresados non críticos deste mes de novembro. A situación nas unidades de coidados intensivos non ten de momento a mesma evolución. Hai 96 pacientes, despois de chegar a fin de semana pasada á cifra máxima desta segunda vaga, con 110.
Vigo, Pontevedra e A Coruña son as áreas que maior descenso presentan, aínda que esta última segue encabezando o número de pacientes internados con 133 en planta e 29 en coidados intensivos.

Os casos activos de coronavirus no país descenden desde hai quince días. Na última xornada a cifra total de persoas coa enfermidade baixou dos 9.000. Tamén o fixo o número de novos contaxios, con 582 casos detectados, 561 deles confirmados por PCR.
Vigo segue sendo a área con máis positivos novos, e aumentan con respecto a onte. Tamén na Coruña e Pontevedra soben moderadamente os casos, mentres que Santiago descende e Lugo reduce en máis de 100 positivos os detectados o día anterior. As áreas de Ourense e Ferrol seguen sendo as que menos casos novos presentan. O número de PCR feitas este venres supera as sete mil.

Noticias web

21/11/2020