Burela agarda pola reactivación turística ao recuperar a liberdade de movementos
Logo de 17 días de confinamento, Burela recuperou ás 12 desta noite a mobilidade tanto para saír do concello como para entrar nel. As autoridades sanitarias deron o visto e prace ao levantamento das restricións ante o descenso de casos positivos. Porén, as medidas restritivas mantéñense para o ocio nocturno, que permanece pechado e de xeito parcial unha semana máis para os locais de hostalería. Estes poderán abrir ata a unha da mañá, con limitación de ocupacuión ao 50 por cento e sen consumicións na barra. As reunións de persoas non conviventes limítase a dez e, coma no resto de Galicia, establécese o uso de máscara obrigatoria en todas as circunstancias, excepto para o baño.
Os casos positivos na Mariña, segundo o último balance do Sergas, son 52, 17 menos ca onte. En Burela descenderon a 24 os casos activos. En total, na provincia de Lugo rexístranse 74 contaxios, 24 menos ca o mércores.
En total en Galicia hai 163 casos. Son 17 menos ca os notificados onte. 155 están en seguimento domiciliario e oito en unidades de hospitalización. Superaron a enfermidade 11.187 persoas. O número de falecementos mantense en 619.
Na provinicia da Coruña hai 49 casos positivos, dos cales dez pertencen á área sanitaria de Santiago.
A maior repunta de contaxios detectouse na provincia de Pontevedra, onde hai 36 activos, tres deles hopsitalizados na área sanitaria de Vigo, que, con 27 positivos, rexistra máis do dobre de casos que hai dez días. Os últimos seis, no Porriño, todos eles membros dunha mesma familia. Vinte achegados pemanecen en illamento domiciliario á espera de realizaren a proba.
En Ourense, o número de casos positivos descendeu a catro.
As PCR realizadas en Galicia incrementáronse ata as 238.786.