CRTVG

Buscar

Descende o número de falecidos en España ata 367, a cifra máis baixa nun mes

Publicado o 24/04/2020 13:47

• O número de persoas curadas nas últimas 24 horas supera por primeira vez o número de positivos

• Baixan os cantaxios ata os 2.796, a taxa máis baixa ata agora, do 1,4% de media en España

• A comunidade con menor taxa de contaxios é Estremadura co 0,1%

"Hoxe é un día de boas noticias". Resumía así Fernando Simón unha xornada en que, por primeira vez, o número de persoas curadas é superior ao de persoas contaxiadas. 2.790 porque, a diferenza dos últimos dias, Sanidade eliminou os positivos dos tests rápidos e só computa os diagnosticados con PCR.
 

Outra boa noticia da xornada, dentro do drama que agochan os números, é que a cifra de falecidos diarios baixa claramente dos 400. É a segunda vez que isto ocorre."Estes datos permitennos pensar xa no inicio das seguintes fases", di o epidemiólogo.

Non existe, din, unha cifra concreta en que basear o inicio desa nova fase, a desescalada, por iso estudan facelo en distintos niveis co fin de garantir que o sistema sanitario sexa capaz de asumir novas repuntas.

Simón asegura que hai que delimitar moi ben as zonas para poder responder no suposto de que as medidas impliquen un incremento de casos.

Sanidade descarta que se vaian facer tests masivos á poboación mentres non se coñezan os resultados do estudo de seroprevalencia.

Estes son os datos da xornada:

Volve baixar lixeiramente o número de falecidos en España, 367 nas últimas horas, despois de seis días de estabilidade entre as 400 e as 440 vítimas mortais de onte.

Ata agora, a cifra máis baixa de falecidos, fora a do venres pasado con 399 vítimas, desde o 21 de marzo, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade.

• Coas persoas falecidas nas últimas 24 horas, 367, a cifra total de mortos que facilitan desde Sanidade é de 22.524 desde o inicio da pandemia.

•  Tamén baixan os novos contaxios notificados ata os 2.796, fronte aos 4.635 de onte e aos 4.211 positivos do mércores. A porcentaxe de novos contaxios tamén baixou ata o 1,4 por cento cento, a taxa máis baixa ata o momento. Engadindo os positivos por test de inmunidade o número total de contaxios ascende a 6.739 persoas.

O número de sanitarios contaxiados ascende a 35.295, segundo os datos do Ministerio de Sanidade.

• O total de positivos oficiais por PCR en España é de 202.990 persoas. E o número  total de contaxiados en España engadindo os tests de inmunidade é de 219.764 persoas.

• As persoas recuperadas ata agora suman, en total, 92.355. Delas, 3.105 son os pacientes recuperados nas últimas horas. Unha cifra que, por primeira vez, é superior ao número de contaxiados, que como dixemos antes, foi de 2.796 nas últimas 24 horas.

As comunidades autónomas máis afectadas polo coronavirus seguen sendo por esta orde:

• Madrid, con 58.191 contaxios en total e 1.097 positivos por PCR rexistrados onte. O total de falecidos na comunidade de Madrid é de 7.765; deles, 81 faleceron onte.

• Cataluña, con 45.544 contaxios, 652 positivos por PCR das últimas 24 horas. O total de vítimas mortais son 4.393; delas, 50 faleceron onte, case a metade ca antonte.

• Castela e León é, desde hoxe, a terceira comunidade máis afectada pola COVID-19. Ten 15.692 positivos testados por PCR en coronavirus, 182 novos positivos de onte. O número de vítimas mortais nesta comunidade é de 1.612; delas, 30 morreron nas últimas 24 horas.

• Castela-A Mancha, con 15.365 persoas positivas por PCR, 236 casos rexistrados onte. As vítimas mortais son en total 2.255, delas, 67 morreron nas últimas 24 horas.

A comunidade autónoma menos afectada segue sendo Murcia: ten 1.468 persoas contaxiadas testadas por PCR e 125 falecidos, un deles onte.

Nas cidades autónomas, hai 101 en Melilla, 1 contaxio onte e só 3 máis desde o 17 de abril. En Melilla faceron 2 persoas desde que se iniciou a pandemia. E en Ceuta hai 100 persoas positivas por PCR en total, onte non rexistrou caso ningún, e faleceron en total 4 persoas desde que comezou a pandemia.

As comunidades cunha taxa de contaxios máis elevada son Madrid co 1,9 por cento e Castela- A Mancha co 1,6 por cento. A taxa media de contaxios en España está no 1,4%. A taxa máis baixa de contaxio rexístrase en Extremadura co 0,1%.