CRTVG

Buscar

Desartellado un grupo criminal que roubaba usando o mesmo explosivo dos xihadistas

Publicado o 09/03/2019 16:09

A Garda Civil detivo na vila de Socuéllamos, en Cidade Real, catro cidadáns romaneses e busca unha quinta persoa, que forman parte dun grupo criminal que roubaba en caixeiros de entidades bancarias no levante español e que tiñan no seu poder a substancia coñecida como "nai de satán", que é a mesma que usaron os xihadistas nos atentados de Cataluña, en agosto de 2017, en París e Bruxelas. Na intervención atoparon 730 gramos da substancia explosiva lista para utilizarse. Debido á súa composición é moi inestable e calquera roce ou golpe pode orixinar a súa detonación accidental.

 A detención destas catro persoas produciuse xusto cando ían cometer un roubo empregando esta perigosa técnica nunha sucursal bancaria no concello albaceteño de Santa Ana, momento no que detiveron en flagrante os catro dos autores do delito, todos eles de nacionalidade romanesa.

En total, entre a detención e un rexistro que se fixo en Socuéllamos, en Ciudad Real, a Garda Civil interveu 730 gramos da "nai de Satán", substancia que tiñan lista para facer estoupar.
Ademais, tamén atoparon materiais e compostos químicos empregados na elaboración do explosivo.

ÁNGEL ÁLVAREZ, SERVIZO DE DESACTIVACIÓN DE EXPLOSIVOS DA GARDA CIVIL:"Sabemos que é un explosivo moi inestable, que foi o que se empregou en París, Buxelas e tamén foi o que estaban manipulando en Alcanar"

A investigación iniciouse despois do roubo de varios caixeiros automáticos en entidades bancarias do medio rural nos que se usaban explosivos de gran potencia que mesmo afectaban á estrutura dos edificios.

O modus operandi estaba moi estudado, xa que os delincuentes sempre actuaban en localidades pequenas e pouco poboadas, nas que non había instalacións das forzas e corpos de seguridade do estado, o cal facilitaba a súa fuxida.

Noticias web

09/03/2019