CRTVG

Buscar

Desartellan unha rede que traía droga dos Países Baixos para distribuíla por España

Publicado o 01/08/2021 11:49
Desartellan unha rede que traía droga dos Países Baixos para distribuíla por España

A Policía Nacional e a Garda Civil rematan unha operación contra unha rede de narcotráfico entre España e os Países Baixos. No marco desta intervención detivéronse 48 persoas e aprehendéronse diversas substancias de estupefacentes. 

As orixes da operación Sayo remóntanse a principios de 2020, cunha investigación a un grupo criminal instalado en Palma de Mallorca que introducían cocaína procedente dos Países Baixos. A partir de aí descubriuse unha rama da rede que se dedicaba ao tráfico ilícito de vehículos.

Contouse coa colaboración da Europol e das policías de Romanía, Irlanda, Alemaña, Suíza, Italia, Francia e Portugal.

Xa a principios do 2021, unha investigación polo delito de tráfico de drogas corroborou que a organización establecida en Palma de Mallorca contaba cunha rama na Comunidade de Madrid. Comprobouse que a rede tiña contactos nos Países Baixos, desde onde traían a droga para distribuíla na Península e as illas.

Con todo iso levouse a cabo a explotación operativa da última fase da operación, coa detención dos 15 membros da rede afincada en Madrid.

En total, os axentes realizaron nas tres fases da operación máis de 30 rexistros en oito provincias:Alacante, Badaxoz, Baleares, Córdoba, A Coruña, Madrid, Toledo e Valencia. Así mesmo, bloqueáronse ducias de propiedades inmobiliarias e empresas.