CRTVG

Buscar

Desartellan unha rede que amañaba parellas de feito con inmigrantes

Publicado o 18/01/2020 21:26

Desmantelada unha rede ilegal dedicada a amañar parellas de feito na localidade valenciana de Sagunto. A organización, con ramificacións noutros países, dedicábase a regularizar migrantes de orixe magrebí a través de unións ficticias. 

A Policía Nacional, en colaboración coa Europol, detivo un total de trinta persoas pola súa suposta implicación nesta rede internacional. Os líderes da organización actuaban dende Sagunto, onde contaban con varias empresas, algunhas delas xestorías.

"O que facían era captar distintas mulleres de Sagunto, facíao unha parella de españois, e ofrecíalles ser contratadas de xeito ficticio nestas empresas a cambio de que aceptasen simular estas unións de feito. Realmente logo non había ningunha convivencia real, simulábase esta situación a cambio dunha contraprestación de 3.000 euros", explica Laura Garaboa, voceira da Policía Nacional. 

Para regularizar a súa situación, a clientela, de orixe magrebí, tiña que pagar 8.000 euros se estaba na península. No caso de topárense en Marrocos ou noutros países da Unión Europea o prezo podía chegar ata os 12.000. A rede contaba tamén cunha empresa de autobuses asentada en Bélxica.

"Era unha liña regular de autobuses que conectaba Marrocos con distintos países da Unión Europea, entre eles España. Usábase non só para traer os inmigrantes ao noso país senón para branquear os cartos ilegais que conseguían con esta actividade e que levaban a Marrocos", engade a voceira.

As persoas detidas, 28 en Sagunto, unha en Valencia e outra en Barcelona, están a ser investigadas por pertenza a organización criminal, falsidade documental e favorecemento da inmigración clandestina.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/01/2020