CRTVG

Buscar

Desartellan a maior rede de fraude por internet con 45 detidos que estafaron 900.000 euros

Publicado o 04/07/2019 14:45

Ollo coas compras na Internet porque non todo é o que parece. A Policía Nacional acaba de deter 45 persoas dun grupo especializado na fraude pola rede. Tiñan ata páxinas de venda falsas que pasaban polas oficiais e colaboradores que prestaban a súa identidade.

A organización estafou preto de 900.000 euros. Están identificadas 2.400 vítimas, persoas que caeron na trampa das páxinas web que parecían oficiais, pero que non o eran. A Policía detectou 39 páxinas fraudulentas de venda electrónica. "Estamos falando de que unha páxina web debidamente posicionada en buscadores, como a cuarta que montaron, pode acumular uns beneficios de 35.000 euros en cinco días", destaca o xefe da Policía Xudicial de Calatayud.

Beneficios de ata 35.000 euros e moita información dos que aparentemente están comprando nesa páxina web. Despois entraba en acción a estafa telefónica. Unha aparente chamada do banco para completar eses datos, e facerse co control da banca online da vítima.

O inspector Palacio explica que esta organización "unha vez que ten o control da banca online, transfería os cartos da conta a contas controladas pola organización, e se eran poucos, contratan crétidos instantáneos por importes de entre 15.000 e 30.000 euros".

Eses cartos paraban en contas de colabores, de identidades compradas ou suplantadas. Pagaban ata cen euros a persoas en dificultades para que abriran as contas correntes e as cederan aos responsables da organización. A partir de aí, retiraban os cartos do caixeiro ou facían envíos por aplicacións móbiles. A Policía chama a extremar a precaución.

 

Noticias web

04/07/2019