CRTVG

Buscar

Desmantelan un laboratorio clandestino de hidroxel en Boiro

Publicado o 01/08/2020 10:49

A Garda Civil detivo dúas persoas por comercializar un falso xel hidroalcólico que mesturaban con augardente. No rexistro, nunha nave avícola situada en Boiro, lugar onde estaba montado o laboratorio, atopáronse ata 400 litros de falso xel hidroalcólico xa envasado. Así mesmo, tamén se incautaron 6.400 litros de produto que xa se distribuíra a hospitais e centros médicos de toda España.

O suposto desinfectante acadaba unha porcentaxe dun 25% de alcol, fronte ao 70% que debería conter. Foi adquirido principalmente por centros de saúde e hospitais, e foron os usuarios dos mesmos os que deron a voz de alarma, tras diversas queixas polo forte cheiro a augardente.

Segundo a investigación levada a cabo, a empresa distribuidora non contaba coas autorizacións da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios para fabricar o produto. As dilixencias xa se atopan no xulgado de instrución número 2 de Ribeira. A operación denominada 'Quimixel' foi dirixida polo Equipo Territorial da Policía Xudicial de Noia, que forma parte da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Coruña, en colaboración coa Axencia Española do Medicamento e persoal do departamnto de Sanidade da Xunta.