CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Desartellada unha rede de prostitución de menores nun club do Barco de Valdeorras

Publicado o 03/08/2016 14:11

Dúas persoas foron detidas pola Garda Civil no Barco de Valdeorras pola súa suposta pertenza a unha organización que raptaba menores para a súa explotación sexual nun club de citas da vila. A denominada operación Simpático que se desenvolveu nas provincias de Huelva, Madrid e Ourense, saldouse con nove detidos, dos que cinco ingresaron xa en prisión, incluídos os propietarios do club.

Foi a chamada dunha das rapazas que conseguira agochar o seu teléfono móbil o que puxo en alerta as forzas de seguridade. Ao parecer a organización criminal secuestraba as menores na provincia de Huelva no seu círculo de amigos. Retirábanlles a documentación e os teléfonos, e despois de pasar por un piso en Madrid onde lles prometeran un traballo, acababan sendo explotadas sexualmente nun club de citas do Barco de Valdeorras durante unha semana, onde mesmo eran drogadas para que non opuxesen resistencia a prostituírse. Despois deixábanas en liberdade. Neste local atoparon ademais durante o rexistro un neno de oito anos, fillo dun dos propietarios, que se escondera para non ser localizado polos axentes.

Na chamada operación Simpático hai nove detidos, todos de nacionalidade española. Dous deles son o propietario e o encargado do club. Outro, un coñecido empresario da construción con investimentos en Bulgaria. A todos eles impútanselles os delitos de comercio de seres humanos con fins de explotación sexual, un delito contra a saúde pública, e outro de corrupción de menores. Supostamente unha das vítimas foi agredida sexualmente por un dos detidos aproveitando un dos desprazamentos.

Ante a gravidade dos feitos o xuíz decretou o ingreso en prisión provisional de cinco dos detidos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí