CRTVG

Buscar

Desartellada unha rede criminal que distribuía heroína en Ferrol e A Coruña

Publicado o 14/05/2021 15:39

Trinta e tres persoas detidas, dez delas en prisión provisional, e máis de cinco quilos de heroína comisados é o balance provisional da operación Velutina contra o tráfico de heroína, a máis importante desenvolvida en Galicia. Malia que continúa aberta, a Policía Nacional ofreceu na Coruña moitos detalles dos labores que permitiron todos eses arrestos. Na operación participaron máis de 200 policías, guías caninos e tamén medios aéreos.

É relevante, sobre todo, porque as forzas de seguridade conseguiron desartellar unha organización criminal de carácter familiar en que participaban outras moitas persoas con distintas tarefas. Ademais, lograron desmontar os principais puntos de venda de heroína tanto en Ferrol como na Coruña.

A investigación comezou hai un ano tras detectar o asentamento na provincia da Coruña dun clan de orixe turca dedicado á distribución de heroína a grande escala. Un dos membros está vencellado con dous asasinatos en Turquía e conta cunha orde internacional de detención. Ao que si prenderon foi o seu fillo en Madrid cando ía coller un voo para Turquía con dous quilos de heroína.

A partir de aí, conseguiron establecer as bases da organización criminal "dende os consumidores finais ata outros clientes que acudían a estes asentamentos de toda a zona de Galicia e incluso desde máis alá", explica Javier Seco, xefe de grupo da UDYCO.

Chamoulles a atención atopar nos asentamentos varios politoxicómanos en situación de explotación que crearan un novo campamento na zona ferrolá de San Mateo.

"Era unha auténtica fortaleza. Levantaron muros de catro metros de altura, puxeron unha rede para evitar ser vistos desde o exterior e o edificio en que gardaban a droga, amais de ser de formigón, puxéronlle reixas", explica Salvador Campoy, xefe da BLPX de Ferrol.

"A aprehensión destes cinco quilos ten moitísima importancia tanto a nivel autonómico como nacional. Dicir tamén que se desartellaron os puntos de venda na provincia da Coruña", di Pedro Agudo, xefe da BPPX.

Noticias web

14/05/2021