Desartellan unha organización internacional que producía e distribuía tabaco ilegalmente
Cincuenta toneladas de follas de tabaco e 15 millóns de cigarros son parte do material que a Garda Civil interveu nunha fábrica de produción ilícita de tabaco desmantelada na localidade de Manzanares, en Ciudad Real, no marco da operación Alecrín realizada conxuntamente pola unidade central operativa de Garda Civil e a Garda Nacional Republicana de Portugal.
Baixo a dirección do xulgado de instrución número 2 de Padrón, a investigación iniciada no 2019 desembocou nas actuacións levadas a cabo entre o 22 de maio e 16 de xullo polas comandancias de Pontevedra e A Coruña, entre outras do resto do Estado, e axentes do país luso.
Realizáronse 125 rexistros, nos que se detiveron 29 persoas, e foron intervidos máis de 2 millóns de euros en efectivo, e tamén vehículos, armas e diversa maquinaria para a fabricación de tabaco. A fraude estimada en impostos ascende a máis de 10 millóns de euros.
Os investigados son orixinarios de España, Portugal, Bulgaria e Ucraína. A autoridade xudicial decretou prisión para nove dos detidos como principais responsables desta organización criminal internacional dedicada á produción e distribución ilícita de tabaco e branqueo de cartos.