CRTVG

Buscar

Desartellada a perigosa rede de narcotraficantes que operaba en Marín

Publicado o 29/12/2019 13:17

• A operación conxunta da Policía Nacional, a Fiscalía de Colombia e a DEA remata con dez detidos, cinco deles en Marín

• Foron sorprendidos en setembro cando cargaban 1.300 quilos de cocaína colombiana en coches de gama alta na nave de Coirados

• Actuaban en Galicia, Madrid e Alacante

O golpe definitivo a esta rede de narcotraficantes deuse simultáneamente en Marín e en Madrid. Na localidade pontevedresa caeron cinco dos sospeitosos no momento no que entraban nesta nave para cargar a cocaína. Requisáronse en total 1.300 quilos de cocaína, 550.000 euros e dez vehículos de luxo. Na investigación, que comezou en xuño do ano pasado, participaron a DEA estadounidense e a Fiscalía de Colombia, xa que a droga entraba dende alí.

A fase do operativo galego desenvolta o 19 de setembro en Marín e na que se detiveron os cinco presuntos narcotraficantes levantara unha grande expectación na comarca. Agora a Policía Nacional distribuíu as imaxes das detencións. Os arrestados estaban introducindo daquela os 1.300 quilos de droga en 25 bolsas negras que trasladarían como equipaxe en vehículos de gama alta para a súa distribución en distintos puntos de España. Unha cifra que supera a que se barallou nun primeiro momento, cando se falaba de media tonelada de droga.

"Nunha operación coa delegada contra o crime organizado da Fiscalía colombiana e a DEA americana, a Policía Nacional incautouse de 1.300 kg de cocaína e 550.000 euros nunha operación contra o narcotráfico localizada en Galicia e en Madrid", segundo informa a Policía Nacional.

Os cinco sospeitosos arrestados en Madrid foron localizados cando transportaban os cartos da venda da droga ocultos nun coche.

"Os dez detidos son delincuentes experiementados, con numerosos antecedentes. Incluso algún deles contaba con 50 detencións previas. Estamos falando de antecedentes como homicidios, roubo con forza, furto. E todos eles eran un grupo consolidado de condutores expertos que empregaban vehículos de alta gama para escapar da xustiza".

Os axentes localizaron un taller de compra venda de vehículos que lles subministraba os coches para as súas operacións. Ademais, realizaron rexistros nun hotel que empregaban como base de operacións e incautáronse de documentación, 20 teléfonos e 10 coches.

Noticias web

29/12/2019