CRTVG

Buscar

Desaparece un tractor do aeroporto de Santiago en Nadal e devólveno un mes despois

Publicado o 04/02/2020 19:17
Desaparece un tractor do aeroporto de Santiago en Nadal e devólveno un mes despois

O aeroporto de Aena Santiago de Compostela foi escenario da desaparición e posterior devolución, un mes máis tarde, dun vehículo das dimensións dun tractor que se atopaba nun almacén de inertes cuxo acceso está restrinxido con dúas portas de seguridade. Os feitos, sucedidos no Nadal, foron desvelados pola central sindical CIG, que manifesta "sorpresa" e "preocupación" polos fallos na seguridade do aeroporto e pide que o ocorrido non se pase por alto.

Hai presentada unha denuncia ante a policía, segundo o sindicato. Aena asegurou a Europa Press que se "están recompilando todos os datos e información" respecto diso para, posteriormente, "actuar en consecuencia e dirimir as responsabilidades" que haxa. Non aclarou, a preguntas formuladas, se xa identificou algunha persoa vinculada co aeroporto. Segundo o relato da CIG, no aeroporto hai un espazo de obxectos inertes en que se almacenan os vehículos avariados, e, cada certo tempo, ábrese un expediente para vender eses vehículos como chatarra.

Neste caso, o expediente abriuse co número SCQ124/2019 para a revisión e actualización do inventario do inmobilizado do aeroporto de Santiago, por un importe bruto de licitación de 12.100 euros que foi adxudicado por 9.075 euros. O 23 de decembro, persoal de seguridade fotografou todo o material para o inventariado. Entre os vehículos, había un tractor de "considerables dimensións". Días despois, engade, e de forma "sorprendente", cando os interesados no expediente, acompañados por persoal de Aena, foron revisar o material, descubriron que ao comparar as fotografías cos vehículos faltaba o tractor.

Para acceder a ese espazo hai que pasar por dúas portas que teñen que ser abertas polo persoal de seguridade do aeroporto. Con todo, di a CIG, o persoal "non ten constancia de que ninguén solicitase a apertura do espazo". Ao revisar as cámaras de seguridade, descóbrese que para sacar o tractor se empregou un coche guindastre ao que se subiu o vehículo.

"Se ata aquí a historia parecía alucinante, aínda o é máis que, en estrañas circunstancias, o 28 de xaneiro pola mañá o vehículo reaparecese no mesmo almacén", engade a central sindical.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí