CRTVG

Buscar

Desaloxan seis vivendas dun edificio da rúa do Vilar de Compostela por un incendio

Publicado o 04/12/2020 16:33

Seis vivendas dun edificio do centro histórico de Santiago tiveron que ser desaloxadas por un incendio. O lume estragou por completo a Oficina de Turismo do Porto e o norte de Portugal, situada nos baixos.

O edificio do número 30-32 é un dos máis grandes da rúa do Vilar de Compostela e está moi preto da catedral.

Pouco antes das dez da noite, os que estaban nunha sala de pilates que hai xusto enriba do local de turismo empezaron a notar cheiro a queimado, pero non viron que houbese ningún rastro de lume no edificio. Momentos despois cortouse a luz e decidiron tomar medidas.

"O seguinte que sei é que subín as escaleiras, porque vivo no terceiro, e díxenlles aos meus fillos vestídevos que hai lume", conta Hugo Delgado, un veciño do edificio. 

Os bombeiros axudaron a desaloxar dúas persoas maiores e fixeron unha primeira intervención nos condutos da instalación eléctrica da que xurdía o lume.

"O lume baixou, fixo unha especie de cama no meu falso teito e fixo que ardese todo", explica Silvia Iglesias, encargada da Oficina de Turismo do Porto.

"O problema é que se reactivou pola noite nunhas traves de madeira e tivemos que volver ir e acabamos as catro da mañá", di Manuel Sanmartín, o xefe de Bombeiros de Santiago.

A estrutura do edificio non está afectada, pero os veciños non van poder volver ás súas casas ata que se repoña toda a rede eléctrica afectada.

"Supoño que non imos poder volver en varios días porque o edificio apesta a fume, non hai luz...", di o veciño que deu a alerta.

Noticias web

04/12/2020