CRTVG

Buscar

Controlado o incendio do hospital de Hellín, que obrigou a evacuar unhas 150 persoas

Publicado o 28/05/2020 21:51
Controlado o incendio do hospital de Hellín, que obrigou a evacuar unhas 150 persoas

Un incendio que se declarou esta tarde no soto do Hospital de Hellín (Albacete) e que obrigou a evacuar unhas 150 persoas, xa está controlado, segundo fontes do Goberno autonómico.

O lume declarouse sobre as 18.05 horas e quedou extinguido ás 21.00 horas, pero os bombeiros continúan refrescando a zona.

Fontes do servizo de emerxencias 112 informaron que se evacuou todo o hospital, unhas 150 persoas, 44 delas pacientes, nove dos cales foron trasladados ao Hospital Xeral de Albacete polas súas patoloxías. 

Os pacientes que non foron trasladados á capital están a ser atendidos no colexio La Olivareda de Hellín, onde se instalaron dispositivos de emerxencia por parte de recursos do 1-1-2 e de Cruz Vermella. 

As mesmas fontes precisaron que o incendio se puido orixinar na zona de urxencias, aínda que se descoñecen as causas que o provocaron.  

Ata o lugar do suceso desprazáronse bombeiros do Sepei, Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil e unha UVI en modo preventivo.