CRTVG

Buscar

Desaloxan máis de 4.000 persoas en Barcelona na primeira noite sen toque de recollida

Publicado o 20/08/2021 14:52

A suspensión do toque de recollida decretada polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña está complicando o control das normas de seguridade nalgúns lugares. En Barcelona, o levantamento das limitacións de mobilidade entre a unha e as seis da mañá coincidiu coas festas do barrio de Gracia, o que supuxo un efecto chamada para os que tiñan ganas de troula.

A policía desaloxou aquí dúas mil persoas que armaron botellóns en varias prazas do barrio sen respectar as distancias de seguridade nin o uso de máscaras en moitos casos. Pero as concentracións non se limitaron a este barrio. Tamén na Cidade Vella e na praia multiplicáronse os botellóns. Segundo a Policía Local nestas zonas desaloxaron outras 2.100 persoas.

A xustiza catalá avala que se manteña o toque de recollida só nos municipios con máis de 250 casos por cada cen mil habitantes. O Goberno catalán considera que iso dificulta o control da pandemia. Por iso lle volveu solicitar hoxe ao alto tribunal autonómico que se aplique a limitación da mobilidade nocturna en todos os concellos de máis de 20.000 habitantes que superen o índice dos 125 casos. A dia de hoxe isto suporía pasar de 19 a 62 municipios con toque de recollida. Entre eles estarían os de Barcelona e toda a súa área metropolitana e o resto das capitais catalás.

A Generalitat di que así se poderá evitar que os excesos festivos de agora poidan complicar a volta das vacacións e o comezo do curso escolar.

Noticias web

20/08/2021