CRTVG

Buscar

Desaloxan dúas festas sen máscaras en dous locais de Pontevedra e Vigo

Publicado o 28/09/2020 17:11

Axentes da Policía Local interviñeron nun bar de copas da cidade de Pontevedra na que se estaba celebrando unha festa privada e onde os seus participantes non levaban máscara nin gardaban as distancias de seguridade.

O dono do establecemento, situado no centro histórico da cidade, segundo informou o Concello de Pontevedra, foi denunciado por infrinxir as restricións impostas polo aumento de casos de covid-19.

A portavoz do goberno municipal, Carme da Silva, recoñeceu a "preocupación" do Concello ante un posible confinamento e asegurou que organizar unha festa privada destas características " non só pon en risco a saúde e a vida das persoas".

Da Silva considera que incumprimentos "tan graves coma este" pode empeorar a situación epidemiolóxica do municipio "e facer que a situación económica de moitos negocios empeore", polo que fixo un chamamento á "responsabilidade" dos mozos.

Durante os últimos días, a Policía Local tamén denunciou a outros dous pubs da cidade, un deles por manterse aberto máis aló do horario límite da unha da madrugada e outro por ter clientes no seu interior consumindo bebidas a porta pechada.

As sancións para os tres locais, segundo a portavoz municipal, serán "moi elevadas", como as que recibirán as dez persoas que foron denunciadas pola Policía Local por participar nun botellón na rúa Urbano Lugrís, nas inmediacións dun instituto da cidade.

Cincuenta persoas sen máscara e pastillas confiscadas nun local de Vigo

Un home de 48 anos con domicilio en Vigo foi detido despois de que a Policía Nacional accedese de madrugada ao céntrico local que rexenta, onde había unhas 50 persoas sen máscara e fumando e onde os axentes interviñeron máis de 1.500 pastillas de metadona, benzodiacepinas e tranquilizantes.

Segundo informaron este luns fontes policiais, a detención é produto dunha investigación que comezou a principios de mes tras ter coñecemento da posible venda de drogas nun local da rúa Taboada Leal.

Entre os obxectos intervidos no local destacan unha chave de puxilato, varias armas simuladas, machetes de grandes dimensións e un bate de béisbol.

Ademais contouse co apoio da Policía Local de Vigo, que emitiu diversas actas por consumo de tabaco no interior, así como pola venda de tabaco no local sen a máquina de tabaco expendedora, e por ter dispositivos de ampliación de son carecendo dos permisos oportunos.

Varios axentes rexistraron o almacén do local e descubriron baixo o oco das escaleiras caixas con diversas substancias no seu interior utilizadas para a transformación e venda de drogas, así como unha balanza de precisión e outros efectos.

Ademais localizaron un gran número de botes de metadona e blísteres de benzodiacepinas, conxuntamente con outros tranquilizantes, así como papelinas.

Por todo iso procedeuse á detención do dono do establecemento e ao seu traslado a dependencias policiais, onde tras tomarlle declaración confirmouse que contaba con seis antecedentes policiais, varios deles por feitos similares ao descrito.

O detido e todo o actuado foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución de Vigo, en funcións de garda.