CRTVG

Buscar

Desaloxados os hóspedes dunha casa de turismo rural que ardeu en Lalín

Publicado o 01/03/2020 15:13

O forte vento desta madrugada fixo que se espallara e fora dificil extinguir un lume que afectou unha casa rural en Lalín.

A madrugada comezaba do peor xeito posible na parroquia de Santiso, no concello pontevedrés de Lalín. Pasadas as cinco da mañá, un intenso cheiro a fume espertaba os hospedes desta casa de turismo rural.

A maioría deles estaban a participar nas oposicións que se celebraban en Silleda esta fin de semana. Só tiveron tempo de abrir a porta e fuxir.

Xavier Abad, un dos hóspedes esta madrugada, conta como espertaron "cheirando a fume, moito fume, e escoitamos unha rapaza berrar polo corredor, prendemos a luz e saímos correndo. Penso que eramos once, había un meniño, unha moza nunha cadeira de rodas".

Raúl García, tamén hóspede, di que estaban "todos en pixama. Unha moza que tamén durmía alí saíu descalza. A maleta, pechala como se puidese e fóra".

Os servizos de emerxencias de Lalín e A Estrada e os Bombeiros Comarcais do Deza foron testemuñas de como o vento e a estrutura de madeira espallaban as lapas por todo o hotel turístico. O maior medo era que o lume saltase cara ás vivendas lindeiras.

Segundo Raúl, "a parte do comedor e a parte dos nosos cuartos estaban ardendo". Xavier conta que tiveron "que acudir á xente, e tivemos que saír pitando dalí porque... Vivimos momentos de moita tensión".

Coa luz do día quedaron á vista os estragos: o restaurante e a zona de hospedaxe destruídos. Pero salvouse a vivenda lindeira. Os hóspedes están ben, cun susto moi grande. O dono, segundo testemuñas, sufriu feridas leves cando trataba de apagar as lapas. A investigación deberá determinar agora onde se orixinou o lume que por unhas horas converteu este lugar nun inferno.

Noticias web

01/03/2020