CRTVG

Buscar

Desaloxadas 9.000 persoas en Barcelona noutra noite de aglomeracións

Publicado o 16/05/2021 20:18

A imaxe vense repetindo en Barcelona desque se levantou o estado de alarma e desapareceu o toque de recollida. Tras pechar a hostalería, centos de persoas trasladan a festa ás rúas e ás praias.

A garda urbana, en colaboración cos Mossos d´esquadra, desaloxou a zona da Barceloneta e dispersou as preto de 500 persoas que se xuntaron no paseo do Born.

"Acabamos de despexar este paseo do Born onde había bastante xente concentrada, en principio a situación non é moi diferente á de onte ou da semana pasada, de momento non temos ningunha situación de tensión nin de risco" aseguraba Ricardo Salas Intendente maior da Garda Urbana

Pero a concentración máis masiva foi na praia de San Miquel, con máis de dúas mil persoas.

A policía lembra en que a xente pode estar na rúa porque xa non hai toque de recollida nin restricións de mobilidade pero debe manter as distancias, usar a máscara e non compartir bebidas. Tamén o ministro de cultura e deporte pediu responsabilidade.

 "Eu entendo moito aos mozos porque teño un fillo mozo e sei o que significa ter estado con moita restrición e a necesidade de saír pero pídolles que o fagan con coidado, que gocen pero que o fagan con coidado" dicía  José Manuel Rodríguez Uribes Ministro de Cultura e Deporte

A noite do sábado en Barcelona finalizou co desaloxo de máis de 9.000 persoas e coa denuncia a tres locais por incumprir o horario permitido. Polo demais, na maioría das cidades, incluida Madrid que celebraba as festas de San Isidro, a noite foi tranquila. En Pamplona rexistráronse algúns incidentes nunha fábrica onde 151 persoas participaban nunha festa ilegal. E en Salamanca a policía tramitou durante toda esta fin de semana preto de 900 denuncias por incumprir a normativa sanitaria.

Noticias web

16/05/2021