CRTVG

Buscar

Desactivada a alerta por proximidade ás casas do incendio iniciado onte en Cualedro

Publicado o 30/07/2020 18:48
Desactivada a alerta por proximidade ás casas do incendio iniciado onte en Cualedro

A alerta decretada pola proximidade do incendio iniciado no concello ourensán de Cualedro ás casas da parroquia de San Cristovo, no municipio veciño de Monterrei, foi desactivada ás 17.45 horas deste xoves.

Este incendio, o máis grande rexistrado no que vai de tempada de alto risco en Galicia, segue sen control e arrasou xa un milleiro de hectáreas.

Extinguido o outro incendio rexistrado a semana pasada en Monterrei

Por outra banda, quedou extinguido na tarde deste xoves o outro incendio declarado o pasado venres na parroquia de Flariz, en Monterrei, tras arrasar en case unha semana unha superficie de 720 hectáreas, das cales 420 son forestais e 300 agrícolas.

Precisamente, este incendio tamén obrigou o pasado venres a decretar a alerta por proximidade do lume ás casas no núcleo de Salgueira.

Activo un novo incendio en Rodeiro

Ademais, ás 15.26 horas rexistrouse outro incendio no municipio pontevedrés de Rodeiro que afecta xa unhas 20 hectáreas de terreo.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, nos labores de extinción traballan seis avións, cinco helicópteros, catro axentes, dez brigadas, sete motobombas e unha pa.