A lava entra de novo no núcleo de Todoque e leva por diante o campanario da súa igrexa
A lava do volcán de Cumbre Vieja segue o seu avance. Esta tarde, derrubou o campanario da igrexa de Todoque. A nova coada que entrou na localidade circula por riba da que xa existía e vai moito máis rápido, a uns 100 metros por hora. Agora, quédanlle por diante uns 3.000 metros de monte e plataneiros ata o mar.
O presidente do Cabido da Palma Mariano Hernández Zapata lamentou a destrución dun dos sinais de identidade do municipio de El Paso. O barrio de Todoque, no que residían unhas 1.200 persoas, foi un dos primeiros afectados pola erupción volcánica.
A lava xa arrasara gran parte das vivendas, pero a igrexa era un dos inmobles que se mantiñan en pé. O párroco sacara todas as imaxes do interior para libralas do lume. Porén, non puido evitar que outra coada alcanzase o templo.
Zapata expresou "o enorme orgullo" pola unidade dos palmeiros e polo aluvión de agarimo que recibiron durante esta semana. Lembrou que máis de 1.000 persoas traballan sobre o terreo para garantir a vida da xente.
"Ás 6.000 persoas evacuadas, nunca as imos deixar soas. Entre todos imos demostrar que somos máis fortes que o volcán", dixo o presidente do Cabido, que valorou o traballo realizado por todas as áreas da corporación insular.