CRTVG

Buscar

Derrúbase un arco de pedra de gran tamaño da praia das Catedrais

Publicado o 30/11/2020 18:27

Un dos arcos de pedra do monumento natural da praia das Catedrais, no municipio de Ribadeo (Lugo), derrubouse a noite do domingo ao luns. Segundo informa a Consellería de Medio Ambiente, técnicos do servizo de Patrimonio Natural de Lugo realizaron unha visita á zona a mañá deste luns para elaborar un informe sobre o sucedido.

Sen ser suficiente para decretar algún tipo de alerta, a forte ondada que presenta o mar estes días na costa luguesa provocou un desprendemento de terras na praia das Catedrais, en Ribadeo. Sucedeu nun dos famosos tres arcos consecutivos, un dos elementos que máis turistas atrae ata o areal, declarado Monumento Natural.

A caida das pedras afectou un espazo de seis metros de ancho por dez de alto. Con todo, no concello din que estes desprendementos son frecuentes e inevitables e que precisamente son os que lle deron ao longo dos séculos a súa particular forma á praia.

Tamén lembran a importancia de non achegarse aos cantís en días coma hoxe e de facelo con precaución cando o mar está calmo. "A Xunta colocou indicacións para que a xente non se achegue aos cantís. As catedrais é unha praia viva da que se pode gozar pero non se pode estar ao pé dos cantís nin dentro dos túneles e covas. Hai que ter coidado", comenta Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo.

A Xunta apunta que este tipo de derrubamentos "é habitual" na praia das Catedrais, do mesmo xeito que en toda a cornixa cantábrica, polo tipo de terreo e a influencia do mar, aínda que sinala que o desprendemento "foi dun tamaño un tanto considerable". En función do que traslade este informe, avaliarase "se hai que facer algún tipo de traballo ou intervención". Mentres, prevese que a marea leve de forma natural as pedras máis pequenas da caída.

Unha moza de 25 anos natural de Valladolid faleceu en marzo de 2018 ao caerlle unha pedra na cabeza cando se atopaba no interior dunha das covas do areal. Por iso, tanto na parte final dos cantís como na propia praia están colocados numerosos sinais de advertencia para evitar que os visitantes se expoñan a sufrir algún tipo de accidente por causa dos derrubamentos.

Entre outras figuras de protección, este espazo é unha Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Cunha superficie de case 29 hectáreas, está situada no extremo nordeste da provincia de Lugo, na liña litoral entre os municipios de Ribadeo e Foz. O monumento natural conta coa presenza de pequenos cantís mariños e praias de area intercaladas entre promontorios e illotes de grande interese xeomorfológico e paisaxístico.

Este enclave formouse debido á erosión mariña da idade paleozoica, que afectou á serie de lousas e cuarcitas alí presentes. Así, hai numerosos arcos e túneles que van desde os dez ata os 30 metros de altura. Tamén hai furnas pola acción erosiva das ondas con rocas silíceas.