CRTVG

Buscar

Derrúbase parte dunha estrada na localidade ourensá de Reza

Publicado o 02/12/2019 19:30

As chuvias constantes do mes de novembro provocaron o derrubamento dunha estrada na localidade de Reza, en Ourense. Técnicos municipais desprazáronse hoxe ata o lugar para avaliar os danos, que obrigaron a pechar a estrada ao tráfico tanto de coches como de persoas.

Da noite para a mañá, desapareceu un anaco da rúa do Portalón, na localidade ourensá de Reza. A estrada derrubouse sobre a horta dunha veciña e levou por diante o muro:"O muro teñen que facelo ata abaixo. A chabola din que igual tamén a teñen que tirar. Caeu a cheminea e o corredor non sei como estará", explica Matilde Álvarez, a veciña afectada.

O firme tamén ten fendas, así que a Policía Local pechou o acceso por os dous lados, por motivos de seguridade. Os vehículos deben circular en ambas direccións por un treito, ata agora, de sentido único: "Debíano arranxar pronto porque pode haber un accidente aí, baixando". "E ademais, tampouco podemos ir ata o colector do lixo", sinalan dúas veciñas da zona.

Os veciños atribúen o derrubamento á chuvia do último mes combinada cos cursos de auga que discorren pola zona: "Isto era un camiño antigamente. Asfaltaron un pouco e así quedou. Por aí vén auga do pobo, da autovía, hai unha fonte... e toda a auga remanece aí, así que estaba sempre todo mollado".

Técnicos municipais e o tenente alcade estiveron esta mañá na zona para supervisar os danos. Desde o concello sinalan que se realizará unha actuación de emerxencia para solucionar o problema o antes posible.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019