CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Derruban cinco chabolas no poboado do Carqueixo

Publicado o 14/09/2017 14:14



Tal e como estaba previsto, esta mañá derrubaron cinco chabolas no poboado lugués do Carqueixo, no marco dun programa municipal de erradicación do chabolismo. No asentamento aínda viven oito familias, que queren abandonar o lugar canto antes, polas condicións tan precarias en que están.

As pas enviadas polo Concello de Lugo ao carqueixo derrubaron cinco chabolas. A actuación, que se enmarca nun programa de erradicación do chabolismo, desenvolveuse con total normalidade coa presenza da Policía Local e ante a atenta mirada das familias que aínda quedan no poboado.

Tras a derruba destas chabolas, no Carqueixo permanecen asentadas aínda oito familias. Segundo sinalan, queren abandonar o poboado canto antes debido ás condicións precarias en que viven. Aseguran que trataron, sen éxito, de arrendar vivendas, polo que agora están á espera de que os servizos sociais lles axuden a trasladarse a un piso de protección oficial. Entre eles, tanto hai nenos como unha anciá que supera os cen anos.

A día de hoxe, segundo datos municipais, no poboado conviven 36 persoas. Son a metade do que hai dous anos e a quinta parte do que hai cinco anos, cando chegou a haber case 200 veciños no Carqueixo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí