Derruban as naves do peirao antigo de Viveiro, unha vella reivindicación veciñal
Tras varias décadas sen funcionamento, as naves do molle antigo de Viveiro foron derrubadas. Tratábase dunha vella reivindicación dos veciños da vila, xa que escaseaban as zonas onde poder aparcar e os alpendres rompían a estética do recinto histórico viveirense.
Dun día para outro, tiraron abaixo as naves do antigo molle de Viveiro, que levaban décadas pechadas. A derruba destas edificacións sen actividade era unha vella reivindicación veciñal, posto que rompían a estética do centro histórico da vila.
"Estes eran uns almacéns que estaban totalmente destruídos e que daba pena velos. Polo menos mellora a imaxe, porque iso era un espantallo arquitectónico, sen tellado, sen portas... que era iso? Levabamos vinte e pico anos solicitando que tiraran isto. E mira o traballo que daba, que era tiralo nun día. 26 anos para tiralo nun día", din os veciños.
"Agora vai ser moito máis aberto ao mar e penso que vai estar moito máis bonito. Levaba moitos anos aí iso, que non pintaba nada. Xa era hora de que tiraran todo.
"Iso levaba aí un montón de anos. Tiña que haber dez ou quince anos que o tiraran."
Ademais de deixar unha vista máis despexada cara á ría de Viveiro, a derruba das vellas naves permitirá aumentar o aparcadoiro nunha zona onde escasean este tipo de dotacións. Ao explanar 2.500 metros cadrados de terreo, a actuación de Portos suporá a creación dun cento de novas prazas de estacionamento.
"É imposible aparcar no centro de Viveiro. O pouco sitio que hai é este, ou senón deixalo a un quilómetro e medio, tanto cara a unha banda como cara á outra."
"Aquí non se pode aparcar, practicamente. Agora mesmo non se pode aparcar no centro en ningunha parte. Hai que ir ás aforas."
"Non hai aparcadoiro en Viveiro. Agora menos mal que quedou aí o casino, e nada máis. Isto era bo para aparcadoiro."
"Con isto teremos unha boa mellora, imaxino. Aínda que vai zona verde e vai coller outro cacho, pero son unhas cantas prazas máis de aparcadoiro."
Si se conservará a antiga casa do gardacostas.