CRTVG

Buscar

Derrotas do Breogán e do Obradoiro

Publicado o 28/01/2019 16:33
Derrotas do Breogán e do Obradoiro

Pablo Laso non podía coa indolencia dos seus xogadores e a banda non lle chegaba a nada. Así viu como no primeiro cuarto chegaba a perder por 15 e así acabaron as estatísticas despois de que lle botara un ollo. Logo as cousas volveron á súa orde natural e o Madrid gañou, celebrou que Felipe Reyes igualaba o récord de partidos de Chichi Creus e ata Randolph deixou un mate de concurso.

Foi nunha xornada en que perderon os dous galegos. O Breo o sábado no Pazo, ante un Manresa que sempre mandou no marcador. As veces que os de Lezkano tiveron a oportunidade de poñerse por enriba non a aproveitaron e os manresáns souberon manexar as vantaxes.

O Obra en Vitoria rendeuse ante todo un Euroliga que se lle escapou no segundo cuarto, nun partido en que mantiveron o tipo en defensa, cumprindo coa esixencia de non perder balóns e regalar posesións, pero onde un pobre 15 % en triplas condenou os de Moncho Fernández.

Salvo Estudiantes, perderon todos os equipos do pelotón de abaixo, así que a loita por evitar o descenso segue igual.

O mvp da xornada foi Laprovittola, que con 40 puntos anotados deu un recital para darlles o triunfo aos de Badalona. O Barça segue líder e entre as xogadas da xornada, ademais do mate de Randolph, no top3 entran dúas accións que tiveron como vítimas os nosos equipos: este tapón que freou en seco a Gerun e esta tremenda canastra en penetración de Shields que entrou como quixo pola defensa do Obra.

Noticias web

28/01/2019