CRTVG

Buscar

Derbi de extrema necesidade no Anxo Carro

Publicado o 13/05/2019 19:34

Chega o derbi da extrema necesidade. Un empate apenas sumaría no agónico esprinte de ambos equipos. A clasificación esíxelles a vitoria. O Deportivo depende do partido desta noite en Málaga para conservar o sexto posto antes da visita ao Anxo Carro.

"É un partido de necesidade. Uns por non descender e nós por tentar meternos na promoción. Vai ser un partido bonito. Agardamos poder traer os tres puntos", dixo Carlos Fernández.

O seu compañeiro no Deportivo, Quique González, confesou que "eu sempre digo que canto máis custa, mellor sabe. Hai que estar tranquilos. Xogando como xogamos hoxe, as ocasións entrarán outro día. Oxalá que sexa en Lugo".

O punto conseguido polo Lugo en Xixón saca o equipo de Jiménez dos catro últimos postos. Pero a clasificación non permite descoidos. Son cinco os equipos que loitan por evitar a última praza de descenso. Dous deles aínda terán que xogar contra o Lugo.

"Estou convencido de que os rapaces o van sacar. Temos un equipo moi comprometido e con ganas de conseguir a permanencia. Vainos tocar sufrir ata o final", asegurou Eloy Jiménez, adestrador do Lugo.

Despois do derbi, o Deportivo xogará contra un rival directo en Riazor, onde non gaña desde hai catro meses. O do Mallorca será o partido determinante. O Lugo xogará contra dous equipos da súa zona, o Estremadura e o Tenerife dos galegos Manuel e Luis César.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/05/2019