CRTVG

Buscar

Denuncian verteduras de augas fecais no río Cabe, no centro de Monforte

Publicado o 17/09/2020 14:03

O río Cabe sofre un grave problema de contaminación en Monforte. Nun tramo dun quilómetro, entre o Club Fluvial e o Parque dos Condes, hai ata oito desaugadoiros que verten augas fecais. Segundo os piragüistas que adestran a diario neste treito urbano, das tubaxes saen incluso compresas ou aceites, en especial cando se producen precipitacións polo verán.

"O problema vén de lonxe, de hai moitos anos. Cando se fixo o paseo, non se quitaron os desaugadoiros que había das diferentes rúas, que vertían directamente ao río. E seguen vertendo, aínda que se intentaron camuflar. O problema é que cando baixa o nivel do río, sobre todo no verán, os desaugadoiros quedan fóra da auga e están vertendo seguido augas fecais", di Santi Díaz, secretario do club de piragüismo Quixós de Monforte.

As verteduras foron denunciadas ante as autoridades en diversas ocasións, xa en anos anteriores. Malia todo, o problema segue sen solucionarse e os desaugadoiros continúan vertendo augas fecais no río Cabe.

"O ano pasado estivo o Seprona varias veces, estiveron os técnicos de Sanidade recollendo mostras, houbo algún grupo ecoloxista que tamén recolleu mostras... Todos os anos se repite o mesmo ciclo. Deberían sentar tanto a Consellería de Medio Ambiente coma a Confederación Hidrográfica e o Concello para buscar unha solución. Non pode ser que no corazón da Ribeira Sacra, que agora estamos pedindo que sexa Patrimonio da Humanidade, o centro da vila estea nestas condicións", explica Santi Díaz.

O Concello de Monforte prevé que o problema das verteduras ao río estea por fin resolto no ano 2022.

Noticias web

17/09/2020